A posta en marcha do Arquivo Dixital Integrado pecha o Proxecto ARPAD

A POSTA EN MARCHA DO ARQUIVO DIXITAL INTEGRADO PECHA O PROXECTO ARPAD

xoves, 10 de decembro do 2015 Redacción

A directora da AMTEGA, Mar Pereira, asistiu hoxe en Tui á reunión de peche do Proxecto ARPAD, onde se fixo balance dos obxectivos marcados nos catro eixos da iniciativa: a creación do Arquivo Dixital Integrado de Galicia, a conservación e difusión do patrimonio documental conxunto, a habilitación de servizos dixitais e a eliminación do papel nas relaciones administrativas na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
O Proxecto ARPAD enmárcase no Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España – Portugal (POCTEP) e contou cun orzamento de 4,7 millóns de euros, cofinanciados nun 75% por fondos FEDER.
Á reunión asistiron os representantes dos sete socios participantes. Xunto coa AMTGA, líder da iniciativa, interviñeron na xuntanza o secretario xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Anxo Lorenzo, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; e técnicos da Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do Centro Informático para a Xestión Tributaria a Xestión Tributaria Económico-Financiera e Contable (CIXTEC) da Consellería de Facenda; a Comunidade Intermunicipal do Minho-Lima (CIM Alto Miño,) que integra dez concellos do norte de Portugal; e da Deputación de Pontevedra.

Arquivo Dixital Integrado

Un dos obxectivos chave do Proxecto ARPAD era a creación do Arquivo Dixital Integrado, que entrará en funcionamento en 2016. Esta plataforma tecnolóxica inclúe dúas áreas diferenciadas: o Arquivo Electrónico Administrativo e o Arquivo Electrónico Patrimonial.
O Arquivo Electrónico Administrativo é a pedra angular da Administración electrónica, xa que permitirá eliminar progresivamente o papel na Administración e xestionar e conservar con todas as garantías de seguridade e dispoñibilidade a documentación dixital durante todo o ciclo de vida administrativa. No primeiro trimestre de 2016 estarán xa integrados no Arquivo Electrónico 100 procedementos administrativos cuxa xestión será integramente electrónica.
O Arquivo Dixital Integrado é unha infraestrutura tecnolóxica situada no Centro de Proceso de Datos do Gaiás, que actúa como nodo central de custodia de toda a información que xera a Administración autonómica.

Conservación e Difusión do Patrimonio documental

O Arquivo Electrónico Patrimonial, integrado no Arquivo Dixital, arrancará tamén en 2016 con máis de 275.0000 documentos dixitalizados procedentes dos Arquivos do Reino de Galicia, do Histórico Provincial de Ourense e do Concello de Tui.
Este Arquivo Electrónico Patrimonial é compatible con proxectos europeos como EURPEANA (punto común de acceso aos fondos das bibliotecas, arquivos e museos de toda Europa) e os seus fondos estarán accesibles desde o Portal de Difusión do Patrimonio Documental de Galicia, que estará operativo no primeiro trimestre de 2016.

Servizos de interoperabilidade transfronteirizos e eliminación do papel

Outro dos eixos do proxecto ARPAD era a posta en marcha de servizos de interoperabilidade transfronteirizos e servizos dixitais avanzar na eliminación do papel nas relacións interadministrativas. Neste ámbito, cómpre destacar a posta a disposición dos provedores portugueses dos Sistema Electrónico de Facturación e a publicación en portugués do Diario Oficial de Galicia, que estará dispoñible en 2016. Tamén se creou un portal de información transfronteiriza para informar dos servizos dispoñibles a ambos lados da fronteira que se porá en marcha a principios de ano.