Artículos

A XUSTIZA GALEGA DESBOTARÁ O USO DO PAPEL ENTRE PROFESIONAIS E ADMINISTRACIÓNS A PARTIRES DO 1 DE XANEIRO

Onte durante a inauguración dasIV Xornadas sobre cuestións prácticas de dereito procesual civil o director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez destacou que desde o inicio da experiencia de implantación de Lexnet hai un ano téñense presentado de xeito telemático na nosa comunidade autónoma máis de 30.000 demandas e 250.000 escritos, e desde o ano 2009 en Galicia realizáronse polos órganos xudiciais galegos máis de 16 millóns de notificacións. Estas xornadas desenvolveranse tamén hoxe no Club Financeiro de Vigo, e están organizadas pola Universidade de Vigo e o Colexio de Avogados.
Para cumprir coa reforma da Lei de Axuizamento Civil (LAC), dende Galicia marcouse como obxectivo a eliminación do uso do papel na Xustiza por parte dos profesionais e administrativos a partires do 1 de xaneiro, e este importante paso cara á modernización da xustiza galega será posible logo da implantación das notificacións por parte dos xulgados e a presentación telemática de demandas e escritos polos profesionais da xustiza (procuradores, avogados, graduados sociais, administracións públicas) a través de Lexnet.
Martín Álvarez explicou que, dentro do novo Plan Senda 2020 (o II Plan Tecnolóxico da Administración de Xustiza en Galicia) a plataforma de intercambio seguro de información entre os axentes do ámbito xudicial Lexnet consolidarase como a canle de comunicación entre todos os profesionais do eido xudicial e recordou que o emprego dos medios e dos sistemas telemáticos existentes na Administración de xustiza para a presentación de escritos, documentos e a realización de actos de comunicación procesual é unha obriga para os profesionais e os órganos xudiciais (e fiscais) prevista na Lei 18/2011, e reiterada expresamente pola Lei 42/2015 de reforma da LAC.
O director xeral lembrou que un dos obxectivos do Plan Senda 2020, cun investimento previsto de máis de 26 millóns de euros para os próximos cinco anos, é a implantación efectiva do expediente xudicial electrónico, que permitirá a tramitación completa dun procedemento por medios telemáticos.
Ademais, tamén inclúe a posta en marcha da sede xudicial electrónica como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos dixitais do ámbito xudicial: a presentación telemática de escritos, a validación de documentos, taboleiro de edictos, notificacións electrónicas, poxas xudiciais ou o acceso seguro aos expedientes dos procesos xudiciais en que se é parte.